A Revista       Buscar en Rexurga       Bases de Datos Gratuítas       Novas       Participación       O Dato Útil       Ligazóns   
  Xoves, 18 de abril de 2024
Participación > Xanela Aberta
Xanela Aberta


Litis expensas e Asistencia Xurídica Gratuíta Imprimir nova
Martes, 14 de novembro de 2006
O problema das relacións entre o dereito á asistencia xurídica gratuíta foi obxecto de certa controversia na doutrina. Esta controversia céntrase na correlación da regulación do código civil e a da Lei de Asistencia Xurídica Gratuíta de 1996. É conveniente destacar os artigos que regulan a materia:

O artigo 1318 do Código Civil establece no seu apartado terceiro:

Cando un cónxuxe careza de bens propios suficientes, os gastos necesarios causados en litixios que sosteña contra o outro cónxuxe sen mediar mala fe ou temeridade, ou contra terceiro se redundan en proveito da familia, serán a cargo do caudal común e, faltando este, sufragaranse a costa dos bens propios do outro cónxuxe cando a posición económica deste impida ao primeiro, por imperativo da Lei de Axuizamento Civil, a obtención do beneficio de xustiza gratuíta.

O artigo 3º da Lei de Asistencia Xurídica de 1996 establece as bases para o recoñecemento deste dereito, afirmando no seu punto primeiro a regra xeral para o cómputo dos ingresos a valorar, establecendo:

Recoñecerase o dereito de asistencia xurídica gratuíta a aquelas persoas físicas cuxos recursos e ingresos económicos, computados anualmente por todos os conceptos e por unidade familiar, non superen o dobre do salario mínimo interprofesional vixente no momento de efectuar a solicitude.

Con todo, no seu punto terceiro establece unha excepción a tal regra enunciada en forma facultativa:

Os medios económicos poderán, con todo, ser valorados individualmente, cando o solicitante acredite a existencia de intereses familiares contrapostos no litixio para o que se solicita a asistencia.

Pola súa banda, e xa para rematar, o artigo 36 da mesma Lei, no seu punto cuarto fai unha referencia a supostos en que, recoñecido o dereito á asistencia xurídica gratuíta, proceda a condena en custas da parte contraria á que vexa recoñecido o seu dereito.

Cando se recoñeza o dereito a asistencia xurídica gratuíta para procesos nos que proceda a petición de «litis expensas» e estas foren concedidas en resolución firme a favor da parte que litiga co recoñecemento do dereito a asistencia xurídica gratuíta, o Letrado e procurador intervenientes poderán esixir a esta o pago dos seus honorarios, ata o importe total da partida aprobada xudicialmente para este concepto.

Do anterior pódense extraer as seguintes conclusións:

1) non cabe considerar incompatible o recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta coa condena ao pago das litis expensas á parte contraria. O artigo 36 da Lei de Asistencia Xurídica Gratuíta contempla un suposto no que se producen efectivamente a coincidencia de ambas situacións. No mesmo sentido SAp Asturias 18-10-2001, 30-5-2001 ou 2-11-2000; en contra SAP Córdoba 21-7-1999 e en sentido parecido a de Alacante de 23-3-2001 ou a de Albacete de 30-12-2000.

2) débese buscar unha interpretación sistemática destas normas que permita a aplicación racional dos distintos preceptos mencionados.

3) en principio, a posibilidade do recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta exclúe a posibilidade da condena ao pago de litis expensas polo cónxuxe contrario na litis. Así se deduce do contido do artigo 1318 CC.

4) esa regra xeral é coincidente co contido do artigo 3.1º da Lei de Asistencia Xurídica. Se o cómputo, ordinariamente, se realiza sobre a unidade familiar é posible que os ingresos dun dos cónxuxes impidan que o dereito lle sexa recoñecido ao outro. Neses supostos, será o outro cónxuxe o que deba axudar a sufragar os gastos derivados da litis, ao considerar o Código eses gastos como unha carga o matrimonio.

5) Existen supostos, que a lei non especifica pero prevé, en que se pode atender aos ingresos unicamente do solicitante. Son os supostos en que exista contradición de intereses, punto 3º do mesmo artigo 3º LAXG. A xurisprudencia enmarcounos sobre todo en supostos en que a longa duración da separación de feito, ou outra causa análoga, impidan solicitar os datos esixidos para o recoñecemento do dereito.

6) Neses supostos, pódese producir o caso de que a unidade familiar, conxuntamente atendida, podería facer fronte aos gastos. Por iso o Estado abre a posibilidade de solicitar eses gastos no artigo 36 LAJG.

Procesalmente iso traduciríase en que corresponde probar a quen pretende que se condene á outra parte a pagar os gastos do proceso que, ou ben, se lle ten denegado o recoñecemento do dereito de asistencia xurídica gratuíta en aplicación da norma xeral do punto primeiro do artigo 1º; ou ben, recoñecéuselle só en aplicación do réxime excepcional do punto terceiro do artigo indicado. Sería discutible se é necesario que exista polo menos a petición previa e o seu correspondente denegación ou cabo probar no proceso que non se solicitou pola evidencia da súa denegación; esta última é a opción da SAP Asturias 18-10-2001, Bizkaia 26-6-2000; en sentido contrario parecen manifestarse SAP Sevilla 10-11-1999.

A anterior interpretación pretende cohonestar os diversos preceptos en conflito. Efectivamente, non se comparte a interpretación de que en todo caso se existe recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta exclúese a condena ao pago de litis expensas (tal parece ser a opción da SS AP Asturias 28-1-2002, Madrid 15-1-2002) xa que deviría inaplicable o artigo 36 da Lei de Asistencia Xurídica Gratuíta. Non se comparte tampouco a visión contraposta de que, en todo caso, cabe esa condena (SAp Asturias 16-2-2000), xa que faría inaplicable o artigo 1318 CC en canto limita a condena ao outro cónxuxe só ao caso de que polos seus bens se peche o acceso ao dereito á asistencia gratuíta.

Autor: Xermán Varela Castejón (xuíz)
rexurga.es (Revista Xurídica Galega)
e-mail: rexurga@rexurga.es
 
Páxina optimizada para 800x600, © rexurga.es
 Presentación   |   Subscribirse 
 Xurisprudencia   |   Colaboracións   |   As Nosas Leis 
 Lexislativa   |   Xurisprudencia   |   Ditames 
 Novas de Rexurga   |   Quiosco de Prensa   |   Novas da Xunta de Galicia 
 Documentos de Interese   |   Xanela Aberta   |   Foro 
 Calendario Festivo   |   Tipo de Xuro Xeral   |   Salario Mínimo Interprofesional   |   Indemnizacións Laborais   |   Directorio de Xulgados 
 Normas Urbanísticas en Galicia   |   Mapas de Galicia   |   Meteoroloxía   |   Cámaras Web 
 Administracións Xudiciais e Fiscais   |   Editoriais Xurídicas   |   Tribunais   |   Universidades